Friday 29 de March de 2024

Setenta persoas aspiran a participar no programa formativo para desempregados que inclúe prácticas en empresas


O representante da entidade promotora da acción asegura que un 70% dos participantes se inserta laboralmente na empresa en que fai as prácticas

Unhas setenta persoas acudiron esta mañá ao Auditorio Municipal de Riveira con motivo da inminente celebración dun programa especializado de formación dirixido á reorientación laboral ao ámbito comercial das persoas participantes.

Esta actividade está promovida pola consultoría Bidef coa colaboración do Concello e consistirá no desenvolvemento dunha primeira parte de formación teórica (28 horas) e unha segunda caracterizada pola realización de prácticas en empresas (2 meses prorrogables noutros 2 máis).

O representante da entidade, Julio Pose, explicou aos aspirantes os rasgos desta iniciativa nun acto que contou coa presenza do tenente de alcalde Juan Luis Martínez (quen enfatizou a aposta do Concello por promover en Riveira a inserción laboral) e da edil Elvira Pisos.

Selección
Pose manifestou que todos os candidatos apuntados reúnen unha alta cualificación (teñen titulación académica superior) e que o obxectivo é integrar laboralmente a aqueles que participen no programa. Agora os 70 aspirantes deberán superar un proceso do selección do cal sairán as persoas definitivamente participantes na acción.

Julio Pose asegurou que un 70% dos participantes nestes programas impulsados por Bidef logra a inserción laboral na empresa en que fai as prácticas. Estas serán desenvolvidas en empresas da contorna económica, entendendo por tales as comarcas de Barbanza e Santiago. A consultoría vén de concluír unha iniciativa similar na mancomunidade do Sanlés.

A formación teórica comezará o martes da semana que vén no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira.